Friday 26 de April de 2024

O Concello de Fene alíase cos Reis Magos e o Apalpador para que a rapazada con menos recursos teña asegurados xoguetes polo Nadal


O Concello de Fene publicou hoxe no BOE a convocatoria de subvencións dirixidas ás familias con menos recursos económicos para a “merca” de agasallos durante o Nadal e Reis. O consistorio reserva para este concepto unha partida de 3.500 euros que se distribuirán en 35 achegas de 100 euros cada unha, que se poderán destinar a xoguetes e incluso a roupa e material deportivo, sempre que non se supere o 75% da cantidade concedida. As familias teñen 10 días naturais de prazo (contados desde este mércores) para presentaren as súas solicitudes e, unha vez concedida a axuda, poderán xustificar os agasallos que traian o Apalpador ou os Reis ata o día 6 de xaneiro de 2021.

As subvencións van dirixidas ás familias con nenos e nenas que nacesen no ano 2004 e posteriores, ou maiores desta idade -ano 2002 e 2003- sempre que teñan o recoñecemento oficial de minusvalía ou grao de discapacidade. As familias deberán cumprir as condicións establecidas nas bases, entre as que se sinala que os ingresos non poderán superar os 5.700 euros per cápita nin tampouco o dobre do SMI en vigor.

Coas subvencións cubriranse os gastos derivados da adquisición de agasallos para as festas do Nadal e Reis, a saber: xoguetes, xogos, libros, material didáctico e outros obsequios que correspondan coa idade da rapazada a quen vai dirixida a axuda, sempre que se merquen no período comprendido entre o día de apertura da convocatoria e o día 6 de xaneiro de 2021.

Con carácter xeral poderase xustificar a subvención con gasto relativo á compra de roupa, calzado ou material deportivo sempre que o importe total do gasto que fagan os Reis ou o Apalpador non supere o 75% da axuda concedida.

O Concello reservou 3.500 euros para este capítulo, co obxectivo de distribuír 35 axudas de 100 euros. Porén, se houbese máis peticións que cumprisen as bases, ampliaríase o número de subvencións e reduciríase proporcionalmente a cantidade máxima que se pode percibir.

O prazo para solicitar estas axudas finaliza o 20 de novembro. Haberá que tramitalas a través do rexistro municipal ou da Sede Electrónica. Hai máis información na web fene.gal, onde tamén se pode descargar a folla de solicitude.